23 09 16 LA MOLINUCA - PICA DE PEÑAMELLERA - ALLES
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN | MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Peñamellera Baja e Peñamellera Alta (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: La Molinuca (60 m)
ACCESO: Pola estrada AS – 114 que une Panes con Arenas de Cabrales
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 680 m DISTANCIA: 14 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: La Molinuca (60 m) COTA MÁXIMA: Braña Bondi (500 m)
MAPAS: I.G.N. – 56 – II – 32 – IV
DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a andaina á altura do restaurante de La Molinuca, cruzando a estrada primeiro e logo o río Cares por unha ponte colgante.
Primeiro en suave subida chegamos ao lugar de La Serna pasando xunto á ermida da Virxe do Pilar. Xiramos á dereita primeiro e de seguida á esquerda para seguir a pista que nos leva a Bores (220 m). Desde este lugar, xa podemos ver preto a aldea de Bores e por riba, a impoñente Pica de Peñamellera.
Entroncamos con a pista asfaltada onde collemos á dereita, pasamos xunto á capela de Santa Catalina e seguimos de fronte cara ao núcleo de Orejuz (240 m) o cal cruzamos, para trocar, logo de pasar as derradeiras casas o asfalto por formigón.
A pista segue subindo ata unha curva á dereita onde collemos de fronte por un ramal secundario. Neste punto, seguindo pola dereita, vaise cara á Pica de Peñamellera. A pista segue entre monte e prados con cabanas deixando sempre a Pica de Peñamellera á dereita. O camiño chega a Vallejo de los Prados (440 m) onde nunha curva, sae pola esquerda un camiño que vai á mina de Argayón pero, seguimos pola dereita subindo cara á Braña Bondi (500 m), punto máis alto da ruta, para logo baixar lixeiramente ata o Collado de Serna (430 m).
Desde este paso, o camiño todo en baixada chega a Mier (100 m) onde abandonamos a pista de formigón collendo á dereita para seguir por un carreiro que vai pola beira dereita do río ata a ponte colgante de Niserias pola cal cruzamos, primeiro o río e logo a estrada onde, enfronte á Casa Julián, collemos a estrada asfaltada AS – 345 dirección Alles, aproximadamente un quilómetro ata que collemos o desvío cara a Besnes onde a pista sobe entre soutos de castiñeiros, avelaneiras e carballos pola beira do río Besnes ata chegar a Alles (280 m) onde rematamos a camiñada.
Pica de Peñamellera (764 m)
Para subir á Pica de Peñamellera, logo de pasar a aldea de Orejuz, collemos unha pista á dereita que sobe ata Huerto Collado (496 m), onde collemos un carreiro que sae pola dereita que cruza un prado e pasa por xunto a unha rea de avelaneiras logo dos cales saímos a unha pedreira. Os fitos lévannos ata o comezo da subida onde teremos que facer uso das mans en varias ocasións ata chegar ao cume desta montaña.