10 01 17 Ruta dos Bufóns (San Antolín - Guadamía) (Llanes) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER TRAZADO DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Llanes (Asturias

PUNTO DE PARTIDA: Praia de San Antolín

ACCESO: A praia de San Antolín ten acceso dende a autoestrada A – 8   a altura de Nueva de Llanes.                      

HORARIO: 5/6 horas            DESNIVEL: Inapreciable              DISTANCIA: 14 km                       

DIFICULTADE: Baixa            TIPO DE RUTA: Travesía                     MAPA: I.G.N. – 31 – II

SINOPSE: O concello de Llanes representa a maior superficie costeira de todo o litoral asturiano que comprende dende a desembocadura do río Guadamía e praia do mesmo nome, polo Oeste ata o río Cabra polo Leste, formando a praia  de La Franca.

    Polo sur zarra o concello a larga serra do Cuera precedida por outras serras litorais, de menor importancia, que fan que esta camiñada se realice entre as montañas e o mar.

    Os bufóns son formacións xeolóxicas de notable interese; son chemineas que comunican coas simas mariñas. Comezaron a súa formación coa erosión superficial por medio da auga da choiva que, en zonas de fractura ou estratificación, formou buratos verticais ou chemineas que poñen en comunicación a superficie coa  base do cantil. O mar, a súa vez, creou unha cámara na base do mesmo que comunica co burato que chega ao exterior.

    Con mar axitada e marea alta, as olas golpean na entrada inferior e proxectan un chorro de auga pulverizada pola saída superior que pode acadar ata vinte metros de altura.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Estamos no aparcadoiro da praia de San Antolín  á marxe esquerda do río Bedón ou Las Cabras. Ao lado do “chiringuito” sae un sendeiro que vai gañando altura sobre o mar, cruzando unha pequena pradería e bordeando a Punta de la Dehesa. O sendeiro continua escudindo os cantís, sempre entre fermosos prados, ata chegar á Punta de Rocinera. Pola esquerda, sobre un outeiro, podemos ollar o casarío de La Coviella. Seguen as praderías asentadas na chaira costeira aparecendo de repente entre elas, un cráter de area e rochas; por un lado praia, e por outro parede de pedra atravesada por un burato que o conecta co mar. Trátase da praia de Gulpiyuri, un raro monumento da natureza.

            O sendeiro arrodea este grande burato e sobe lixeiramente cara ao cantil chegando así a un entrante onde se sitúa o Castro de las Gaviotas. Neste lugar existe un aparello para a recollida de ouca, provisto dun torno  e unha escaleira.

Seguimos o noso andar, pola beira da costa, para chegar a praia de Huelga. Agora collemos un sendeiro que baixa á praia en dirección a foz do río San Cecilio onde hai un antigo muíño en ruínas e unha ponte pola que atravesamos encarando unha subida por bo camiño que rodea unha finca para seguir ata Punta de Huelga.

Vemos un edificio en ruínas que ten unha antiga cetaria situada nun pintoresco lugar. O camiño segue pola costa por recunchos singulares, para ir, achegándose a unha pequena península co seu istmo, que podemos visitar.

            O camiño entre praderías vai cara a un outeiro chamado Collados (60 m), ata conectar cun bo camiño de servizos; á dereita vemos as diferentes depresións do chan. Ao chegar a unha bifurcación collemos, pola dereita, un camiño que nos vai levar de novo aos cantís, atravesando praderías cercadas por ambos lados. Este camiño que está moi pouco frecuentado, non ofrece problemas para camiñar por el, déixanos no remate despois de cruzar uns arames. Subimos varios metros seguindo por riba dos altos cantís observando a Punta de San Antonio e a súa capela. Agora o sendeiro vese mais adoito, pasamos ao carón da praia de Salmoreda, para baixar á escondida praia de San Antonio. Dende aquí seguimos pola praia de Puerto Seco, subindo, logo, ata chegar ao remate da Punta de San Antonio, de amplas perspectivas.

            Regresamos por outro sendeiriño para dirixirnos cara á ermida, pasando pola dereita dela, seguindo pola liña de costa. Cruzamos zonas de caprichosos rochedos e bufóns, para ir achegándonos así a entrada de Cuevas del Mar, bordeando o litoral, cara a praia xa visible, ata entroncar cun camiño que nos leva dereitamente a un bar.

            Dende aquí seguimos por pista cruzando o río de Nueva  para despois subir por un costo sendeiro que pasa xunto a unha balsa redonda de auga, arrimámonos, de novo, aos cantís ata praia de Villanueva, onde desemboca o río Millares.

            Cruzamos polo pintoresco lugar de Rotellas, tendo moi preta a illa de Horcado de Cuevas, mais adiante, podemos visitar a Punta Espinés volvendo de novo ao sendeiro. Á nosa esquerda, ao lonxe, podemos ver as edificacións dos lugares do arredor, así como os prados e as eiras con breixos e toxos, fentos e matueiras.

            No noso camiñar, sorprenderannos lugares como o Pozo de las Grallas e Las Fuentes, mentres que chegamos a punta de Aguamía para observar a ampla zona de bufóns. Seguindo a costa sobardamos a praia de Aguamía e por ancho camiño, logo por pista asfaltada, chegamos a Llames onde damos por rematada esta travesía.