17 10 22 Brañagallones - Los Arrudos - Caleao

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Caso (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Brañagallones (1.240 m) 

ACCESO: Desde Bezanes 11 km por pista.

HORARIO: 6/7 horas  DESNIVEL:  500 m de subida / 1.040 m de baixada 

DISTANCIA: 21 km   DIFICULTADE: Media       TIPO DE RUTA: Travesía 

COTA MÍNIMA: Caleao (660 m)  COTA MÁXIMA: Collado Ubales (1.700 m)

MAPAS: I.G.N. – 79 – I – II

SINOPSE: A ruta de Los Arrudos é unha das máis atractivas, impresionantes e completa que podemos recorrer dentro do Parque Natural de Redes. Veremos fermosas brañas e seguiremos un entretido sendeiro atravesando fermosos faiedos.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Partimos de Brañagallones (1.240 m) collendo unha pista en dirección oeste que en pouco tempo nos leva a cruzar a canle do río Monasterio, pista en suave descenso durante uns dous quilómetros. A partir do terceiro rego que cruzamos comeza a subida, de momento tamén suave ata que se extingue o camiño. Agora toca subir polo monte facendo varios zigzags para alcanzar a braña de La Mericueria (1.360 m), que alcanzamos pola parte baixa. Cruzamos esta braña saíndo pola dereita para coller un camiño que, tamén en varios zigzags, nos deposita na pista que ven do Collado Acebal en dirección a Infiesta.

            Alcanzada esta pista, seguimos cara á dereita ata os restos da braña de La Carbaza (1.520 m), lugar onde deixamos o camiño para virar á esquerda acometendo a subida que nos levará ao Collado Ubales (1.700 m), punto máis alto deste percorrido do cal parte un carreiro pola esquerda que vai ao lago Ubales.

            Desde o cimbro seguimos de fronte para comezar a baixada cara a Los Arrudos. Alcanzamos primeiro a braña de Los Moyones (1.550 m) e máis abaixo a braña de Llede (1.400 m). A altura desta braña cruzamos o regato Roxecu baixando  pola súa marxe dereita ata a braña Roxecu (1.260 m), lugar onde volvemos a cruzar o rego. O camiño baixa polo fondo do val, sempre paralelo ao rego chegando ao lugar de La Fontona (1.060 m), lugar de captación de auga para Xixón. A partir de aquí, o río colle o nome de Los Arrudos facéndose cada vez o val máis angosto. Camiñamos por un lugar de gran fermosura, por chanzos labrados na rocha ata que chegamos ao fondo do desfiladeiro.

            A partir de aquí, o camiño perde verticalidade chegando a Caleao polo medio de fermosas veigas e praderías.