17 03 18 De Obona a Pola de Allande polo Camiño Primitivo

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

Obona - P. de Allande

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Tineo e Allande (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Mosteiro de Santa María la Real de Obona (650 m)

ACCESO: Desde a A – 8, en Luarca coller a estrada AS – 219 que pasa por Navelgas en dirección Pola de Allande. En Bárcena de Monasterio temos que desviarnos pola AS – 350 ata Obona.

HORARIO: 5/6 horas                 DESNIVEL:              DISTANCIA: 18 km

DIFICULTADE: Media       TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Pola de Allande (552 m)  COTA MÁXIMA: Alto da Lavadoira (806 m)

MAPAS: I.G.N. – 26 – IV – 27 – III – 50 – II

SINOPSE:

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos do mosteiro de Santa María la Real de Obona en dirección a Villaluz, aldea da parroquia de Obona.

            Atopamos un merendeiro e unha fonte antes de saír á estrada TI – 3. Camiñando por esta estrada atravesamos varias aldeas da parroquia de Obona como son Vega del Rey, Berrugoso e Las Tiendas para acadar finalmente Campiello.

            Seguimos pola mesma estrada pasando por El Fresno e logo de pasar El Espín deixamos a estrada pola esquerda á altura do punto quilométrico 7, collendo a estrada local que se dirixe a Pereda, Orrea e Sangoñedo. Pasados uns 350 metros abandonámola pola dereita seguindo o sendeiro que se dirixe a Borres. Pasamos o desvío do albergue, situado na parte superior baixo a estrada, e chegamos a Borres.

            Agora subimos á estrada AS – 219 tendo que cruzala de fronte para seguir subindo por unha pista de formigón. Por pista forestal paralela a un piñeiral chegamos ao desvío que se dirixe ao porto de El Palo pola ruta primitiva de Hospitales. Douscentos metros máis adiante temos as primeiras casas de Samblismo. Cruzamos a AS – 219 e saímos por unha pista pavimentada que nos achega a La Mortera, pasado o río collemos un carreiro que sobe ata a estrada. Temos, durante os seguintes quilómetros, tramos de estrada e camiño e logo de salvar a AS – 219 por un túnel, subimos ata Colinas de Arriba. Logo duns centos de metros deixamos de novo a estrada, pola marxe esquerda baixando ata o río Villaverde, que cruzamos por unha ponte, subindo por pista pavimentada que volve a desembocar na estrada, seguindo por ela ata o alto de Porciles (773 m).

            Cruzamos esta aldea deixando a estrada pola marxe esquerda baixando ata o río Porciles, logo de cruzalo temos un importante desnivel para subir de novo a estrada. Pasamos o lugar de Lavadoira coroando o alto de mesmo nome (806 m).

            Neste lugar deixamos o concello de Tineo e entramos en Allande, abandonando a estrada pola marxe esquerda e collendo un camiño que baixa ata Ferroy polas abas do pico Corona. Cruzamos esta aldea saíndo á estrada AS – 217, que abandonamos en seguida pola esquerda. Seguindo un atallo pola beira do rego do Caleyo, entramos en Pola de Allande.

VARIANTE POR HOSPITALES

            A variante pola ruta de Los Hospitales está desaconsellada no inverno, excepto para montañeiros con experiencia e equipamento adecuado así como un bo coñecemento do terreo.Tamén está desaconsellada en caso de néboa ou mal tempo, posto que non é difícil desorientarse. Con bo tempo non ten maiores problemas, tendo boa sinalización e unhas vistas paisaxísticas inmellorables.

            De feito, a ruta de Los Hospitales é en realidade o camiño máis natural e máis lóxico, para acadar o porto de El Palo desde Borres, evitando a baixada a Pola de Allande e logo a dura subida ao porto. Esta ruta foi a que seguiron os primeiros peregrinos e na que houbo dous hospitais de peregrinos, o de Fanfaraón e Valparaíso, dos que apenas quedan restos.

            O camiño de Borres ao porto de El Palo ten 16,5 km, mentres que por Pola de Allande son 19 km.

Mosteiro de Santa María la Real de Obona

            Pertence ao concello de Tineo, as orixes do cenobio de Obona remóntanse, segundo algunhas teorías á época do rei Silo, cuxo fillo Adelgaster madou construír a finais do século VIII. Fose como fose, as primeiras noticias da existencia dunha comunidade eclesiástica en Obona datan do século XI.

            Mentres que as dependencias monacais auxiliares foron reedificadas en tempos pos medievais, conservándose ademais nun estado bastante precario; a igrexa é un sólido edificio de primeiros do século XIII construído seguindo de maneira moi estrita os ditados cistercienses. Consta de tres naves separadas por arcos dobrados e apuntados que se apean sobre sólidos piares desprovistos de calquera decoración. As tres naves desembocan, sen solución de continuidade, noutros tantos ábsides semicirculares, conservándose a día de hoxe solo dous deles.

            Unha das pezas máis sobresaíntes do mosteiro de Oboan e o seu soberbio Cristo crucificado que preside o ámbito presbiterio do templo, unha talla de finais do século XII que, xunto ao custodiado no mosteiro de Corias, constitúe unha das manifestacións máis importantes da imaxinería medieval asturiana.