14 09 21 Braña de Mumián

 

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS P.D.F. CASTELÁN

 

SITUACIÓN: Parque Natural de Somiedo (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Santa María del Puerto (1.486 m) 

ACCESO: Dende a N-634 a altura de Cornellana, temos que coller a estrada que vai a Cangas de Narcea e a 10 km desviarnos á esquerda cara ao Porto de Somiedo, lugar da saída. 

HORARIO: 5/6 horas            DESNIVEL: 700 m de subidas / 1.400 m de baixadas                      

DISTANCIA:15 km             DIFICULTADE: Media             TIPO DE RUTA: Travesía                    

MAPA: I.G.N. – 76 – II – IV

SINOPSE: Esta ruta é unha das moitas que se poden facer no Parque Natural de Somiedo, que visita unha das brañas ben conservadas do parque e cruza o Monte La Enramada, de uso restrinxido salvo, o camiño propio da ruta. Temos a ocasión de subir a Peña Salgada que ten 1.979 m de altitude.

O Porto de Somiedo situado a 1.486 m. de altitude, é o único da rexión enteiramente asturiano. O concello de Somiedo está cheo de mitos e lendas, tapizado por unha vexetación exuberante que fai del un paradiso para moitos animais.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: En Santa María del Puerto, collemos en dirección noroeste a través dun ancho camiño que vai subindo entre praderías polo val do Rebezu, observando a esquerda a serra do mesmo nome; pouco a pouco o camiño vaise facendo máis costo e vamos descubrindo picos como o Putracón, ao que nos diriximos, a Salgada e os Michos.

            Unha vez no Putracón (1.909 m) seguimo o cordal cara a Peña Salgada (1.979 m) dende a que temos unha boa vista de varios vales tanto asturianos como leoneses.

            Logo da obrigada parada na Salgada, retrocederemos uns metros para seguir en dirección norte por sendeiro pouco marcado que baixa cara ao cimbro Bobia del Rebezu (1.880 m) lugar no que xiramos lixeiramente bordeando a Peña Valdecuélebre (1.925 m), para ir en dirección á fermosa braña de Valdecuélebre (1.760 m) onde aínda é posible ver algunha cabana de teito.

            Temos que atravesar a braña para buscar un sendeiro que sobe ao Pico Alto, tendo que seguir a liña de cumes, acadando así o Pico Alto (1.840 m), lugar dende o que podemos ver o val de Llamardal á esquerda e cara ao outro lado temos Valle de Lago e o camiño que se dirixe a Lago del Valle. Diante de nosoutros atópase Peña Gúa (1.697 m) á que nos diriximos de pasar polo Collado Corrotrapas (1.636 m) seguindo a liña divisoria da Área de Uso Restrinxido.

            Acadamos as abas de Peña Gúa coa súa peculiar forma de gancho á que subimos facilmente ata o seu cume de impresionantes vistas e grandes caídas pola ladeira de El Llamardal. Cara ao noroeste podemos ver a braña de Mumián, unha das máis importantes do parque, a onde nos diriximos.

            Baixamos de Peña Gua polo mellor camiño que é volver ao cimbro Corrotrapas e buscar un sendeiro de pastores que baixa ladeando a montaña ata unha campeira dende a cal o camiño faise máis cómodo ata a braña de Mumián (1.430 m).

            A partir de aquí o camiño está sinalado, atravesando o Monte de la Enramada, camiño que non debemos abandonara ao atoparnos nunha área de uso restrinxido. Baixamos por forte pendente vendo de fronte a aldea de Urria, ata que chegamos á aldea de Coto de Buenamadre. Seguimos a pista asfaltada ata as últimas casas antes do río que seguimos pola súa marxe esquerda, abandonando a pista e collendo un sendeiro que segue o leito do río. Máis adiante cruzamos por unha ponte e subimos á estrada asfaltada que baixa de Valle de Lago, a que seguimos uns metros para abandonala e coller un sendeiro á esquerda que nos aforra unha camiñada pola estrada, baixando así á Pola de Somiedo.