09 01 18 Pena Manteiga (Belmonte de Miranda) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER TRAZADO DA RUTA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Belmonte de Miranda (Asturias)     

PUNTO DE PARTIDA: Collado del Muro (742 m.) 

ACCESO: Pola  estrada AS – 227 ata Alvariza, onde collemos a esquerda a AS – 310 que en 7,5 km. nos achega ao Collado del Muro,moi preto da aldea de Las Estacas.

HORARIO: 6/8  h.                       DESNIVÉIS: 358/780 m.        DISTANCIAS: 16/20 km.

DIFICULTADE: Baixa/media            TIPO DE ROTAS: Travesías       MAPAS: I.G.N. - 51 – II - IV

SINOPSE: A serra de Pena Manteiga está encravada no concello de Belmonte de Miranda. Esta escarpada serra emerxe no marco dun territorio no que dende a época romana se sacou ouro. Parte deste lugar quedou deteriorado pola recente minería aurífera, aínda que, o resto do territorio está ben conservado. A actividade humana está orientada fundamentalmente á gandaría convertendo esta zona nun fermoso sistema de praderías e brañas de media montaña.

            Pena Manteiga é unha montaña espida porque, a zona arborada sitúase moi abaixo, na base das súas ladeiras. En canto a fauna, podemos dicir que está dentro do catálogo do occidente da rexión, sendo bastante común o paso de osos por estes montes.

 

DESCRICIÓN DA ROTA: O camiño que sae da mesma estrada, no Collado del Muro pasa por riba da zona de Picaratos,descorrendo nun cómodo tramo a través das praderías e cabanas de El Potril e Braña Estrimera, atopándonos de seguida coa fonte de La Llama. O carreiro, agora máis estreito, ascende suavemente a través das fincas  e cabanas de La Pradera e Busubia, deixando a esquerda Canales e El Turón, levándonos así ata unha bifurcación. Seguimos polo camiño da esquerda xunto a fonte de auga de El Vasu, ata as praderías de Campoleo, manso lugar con cabanas e arborado, que temos que cruzar ata o final, onde atoparemos a fonte e bebedeiro de Francisca.

            Dende este sitio ábresenos unha fermosa vista sobre Pena Manteiga. Deixando a fonte a esquerda e unha cabana a dereita, seguimos por un ancho camiño, que baixa lixeiramente entre fincas e zona de monte baixo, ata o regato de Caúxa, tamén coñecido como Las Dorniellas. Tras cruzalo, subimos por un carreiro á esquerda, cruzando monte baixo, polas praderías de El Vigüetu e El Acebón, ata a campeira de El Miral, situado na mesma base de Pena Manteiga.

            A partir de aquí, monte arriba, en zigzag, alcanzamos o cume de Pena Manteiga (1.522 m.), onde hai unha caseta con placas solares e un buzón de cumes. Dende este lugar temos unha vista espectacular en todas direccións, destacando cara ao SSE os máis importantes cumes de Somiedo; ao O, diversas aldeas da zona; ao N o mar Cantábrico; ao NE a serra do Aramo; e ao ESE, gran parte da Cordilleira Cantábrica.

            Facemos a baixada cara ao Collau La Espina, deixando a nosa dereita o tarautelo de Cuetamoliz, internándonos por un camiño entre paredes e cabanas en dirección SO, que nos vai levar á Collada Fondera.

            Cruzamos o regato de Abedul e seguimos o camiño que todo en baixada nos deposita na aldea de San Esteban. Cruzamos este lugar ata as últimas casas, onde collemos a dereita un camiño que pasa por debaixo duns loureiros, bastante pendente no comezo que, en varios zigzags, baixa xunto ao rego da Muriá, depositándonos na estrada que sobe ao porto de Somiedo, xusto, na ponte Raneiro