18 04 21 De Castro a Santalla d´Oscos

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Grandas de Salime e Santalla d´Oscos (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Castro (670 m)

ACCESO: Castro está situado xunto á estrada AS – 28 que vai de Grandas de Salime á Fonsagrada

HORARIO: 6/7 horas                     DESNIVEL: 555 m de subidas / 675 m de baixadas              

DISTANCIA: 19 km             DIFICULTADE: Media       TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Ponte de Pousadabelle ( 290 m)       COTA MÁXIMA: Castro (670 m)

MAPAS: I.G.N. – 49 – II – III – IV

SINOPSE: O importante papel etnográfico da comarca dos Oscos, a conservación da súa arquitectura popular e tradicións, a grande variedade paisaxística e os importantes vales fluviais que forman este espazo fixeron posible a declaración de todo o territorio como Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Esta é a derradeira etapa (27) do GR – 109 que comeza na vila de Panes, situada no oriente de Asturias.

            Para iso comezamos a camiñada en Castro (670 m) deixando o lugar á dereita para baixar por unha pista de terra entre praderías primeiro e máis tarde piñeiros. A pista forestal baixa un bo tramo facendo zigzags ata a ponte de madeira do río Caballos, e un pouco máis tarde, bordeando a ladeira, acada a ponte de pedra de Ponsadabelle, do século XIV. A ruta cruza agora o río Agüeira subindo de novo en zigzag por camiño de pedra.

            Pouco despois de subir por pista forestal polo medio dun piñeiral, o camiño colle un desvío á dereita, onde se abandona a pista para coller un carreiro. O resto do camiño recorre en chan as abas do monte Marón, ata o cemiterio de A Coba, tramo que nos ofrece unhas boas vistas do val do río Agüeira.

            Desde o cemiterio de A Coba seguimos por pista asfaltada ata que chegamos a unha curva, onde abandonamos esta pista pola esquerda collendo un camiño que nos leva ata a aldea de Coba que pasamos por riba, para coller un carreiro que percorre en sentido norte as abas do monte Marón, poboado de piñeiros e frondosas e que, logo de varios quilómetros, chega á área recreativa de Ferreira.

            Desde aquí, xiramos á dereita cara as Talladas. O camiño pasa por baixo das casas subindo cara a un cimbro para logo baixar a un regato onde seguimos pola esquerda para chegar a Caraduxe.

            Desde aquí seguimos por pista primeiro e logo por estrada asfaltada ata rematar en Santalla d´Oscos.